Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Museo de Arte Contemporánea acollerá o sábado 6 a exposición do proxecto de cartografía mítica do cabo de Corme

A mostra, que recompila aspectos xeográficos, ambientais e simbólicos, presentarase ás 18:00 horas nun acto aberto a toda a veciñanza

O Museo de Arte Contemporánea de Corme acollerá o sábado 6, ás 18:00 horas, a presentación da exposición ?Corme. Territorio sobrenatural?, promovida pola Concellaría de Patrimonio de Ponteceso que dirixe Carlos Penedo Casmartiño coa finalidade de elaborar un imaxinario relativo a este territorio desde o punto de vista xeográfico, ambiental, paisaxístico e tamén simbólico.

A mostra recolle os resultados do proxecto de Cartografía Mítica de Corme, dirixido pola especialista en arqueoloxía Ana Isabel Filgueiras Rei, realizado no ámbito territorial das parroquias de Nosa Señora dos Remedios de Corme Porto e San Adrián de Corme Aldea, San Xián de Brantuas e San Xoán de Niñóns.

Pero este exhaustivo traballo de campo tamén conecta coa memoria, a tradición e a cultura desde a propia experiencia dos veciños e veciñas da zona, convertidos/as en auténticos/as protagonistas da súa propia historia.

O resultado permítenos ver a secuencia da ocupación deste territorio e o seu legado cultural desde o pasado remoto ata a actualidade. ?Unha transmisión cultural e emocional de vital importancia, que ten o poder de transformar e marabillar?, segundo destacou a propia autora.

A mostra está composta por oito paneis que nos conducirán polos camiños da memoria: a prehistoria, os lugares dos antepasados/as; a mitoloxía e tradición oral, os lugares encantados; a memoria viva de Corme, a comunidade; Corme, territorio sobrenatural, natureza e misterio; Corme na Costa da Morte, a arte de vivir fronte ao mar/ a coraxe do gremio da mar; Corme. Devoción, sanación e esquecemento, os lugares sagrados. Santuarios terrestres/ Santuarios mariños. E, finalmente, non podía faltar a sonoridade dos nomes da beiramar de Corme (laxes, furnas, petóns, fontes, insuas, areais, regos, etc), situados sobre a fotografía satélite, para vogar polo mundo afora?

Un legado invisible que transpira pola pel do territorio e co que se pretende crear conciencia e adquirir compromiso e responsabilidade pública para contribuír ao seu coñecemento, salvagarda e difusión nas mellores condicións posibles.

Quedades todos/as convidados!

Concello de Ponteceso