A actriz e humorista Isabel Risco conducirá o acto, aberto ás familias, que se celebrará o venres 12, ás 12:30 horas, no Edificio das Escolas
A Concellaría de Educación e a Casa-Museo Manuel María retoman esta semana en Ponteceso o programa de actos conmemorativos do
50º aniversario da publicación de ?Os soños na gaiola? (1968), posto en marcha o pasado mes de decembro para dar a coñecer á cativada a primeira obra de poesía infantil editada en galego dun dos autores máis célebres das nosas Letras, de gran trascendencia e relevancia, con presencia en todos os centros educativos e fonte de inspiración para moitos dos nosos artistas.
A próxima cita terá lugar este
venres 12, a partir das 12:30 horas, e consistirá nun acto conxunto ao que están convidadas, ademais da comunidade educativa de ambos centros, todas as familias dos alumnos e alumnas. A través dun
recital poético e a interpretación musical dalgúns poemas, os/as escolares darán a coñecer o traballo desenvolvido nas aulas, durante as últimas semanas, arredor desta obra emblemática.
A actriz e humorista galega
Isabel Risco será a encargada de conducir o acto, que se celebrará no
Edificio das Escolas.
Esta actividade vén a sumarse a outras xa realizadas no noso concello como a representación teatral protagonizada en decembro por Títeres Alakrán e a exposición das ilustracións do pintor Leandro Lamas, levada a cabo o pasado mes de febreiro en ambos centros escolares.
Por último, o departamento que dirixe Carlos Penedo Casmartiño ten previsto realizar unha
saída cultural a Outeiro de Rei (Lugo) para visitar a Casa-Museo de Manuel María coa finalidade de que os alumnos e alumnas de Ponteceso e Corme poidan coñecer o valioso e interesantísimo legado do escritor.