Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Os Canóns do Sil, novo destino do programa de excursións da Concellaría de Servizos Sociais para maiores de 55 anos

A viaxe está programada para o día 27 e as inscricións poderán realizarse a partir deste luns 15, coma sempre, con prioridade para as persoas que participen por primeira vez

Na Concellaría de Servizos Sociais xa temos todo preparado para subir de novo ao autobús que nos levará o 27 de abril cara un novo destino coa intención de seguir descubrindo os lugares máis fermosos da nosa xeografía e desfrutando dunha xornada en boa compañía grazas ao programa de ocio e tempo libre dirixido a persoas maiores de 55 anos.

Se aínda non tiveches a oportunidade de participar en ningunha das excursións municipais, toma boa nota dos prazos de inscrición e non quedes en terra, porque a próxima viaxe levaranos ata terras ourensás para gozar ao máximo da súa natureza en estado puro e dunha gastronomía que che deixará moi bo sabor de boca.

A primeira parada será a Ribeira Sacra, onde subiremos a bordo dun catamarán que nos levará de ruta polos impresionantes Canóns do Sil, un espazo natural integrado na Rede Natura 2000 de Galicia, de máis de 15 quilómetros de extensión e con desniveles que acadan entre os 300 e 500 metros. Unha viaxe única que nos permitirá contemplar a beleza dunha paisaxe de montaña bañada polas vides nas que nacen os mellores caldos de Amandi, protexidos con Denominación de Orixe, ou a espectacular cascada de Loureiro formada polo río Vado na subida cara o mosteiro de Santo Estevo.

Tras xantar nun restaurante da zona, visitaremos a localidade de Castro Caldelas, declarada Conxunto Histórico-Artístico, para perdernos polas súas pintorescas rúas empedradas ata chegar ao Castelo de Lemos (entrada non incluída), situado na zona alta do casco antigo, desde onde poderemos contemplar unha das paisaxe máis espectaculares da nosa comunidade con centos de metros de caída vertical, bosques autóctonos e vides infinitas. A xornada finalizará coa visita a unha adega.

Inscricións
As persoas interesadas en participar nesta excursión tan só deberán cumprir dous requisitos: ser maiores de 55 anos e estar empadroadas no noso municipio. Ao longo da vindeira semana, o prazo de solicitude abrirase progresivamente para facilitar o acceso a toda a veciñanza. Así, o luns 15 será a quenda daqueles veciños/as que aínda non participaran en ningunha das excursións organizadas con anterioridade polo departamento que dirixe Isabel Vuelta González. O martes 16, poderán reservar praza nas oficinas municipais as persoas que viaxaran nunha ocasión e a partir do mércores 17, o resto de interesados/as.

O horario de atención ao público é de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas. Máis información nos teléfonos 881 983 045 e 881 983 797.

Concello de Ponteceso