Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O MACMO de Corme acolle unha conferencia sobre a etapa coruñesa de Pablo Picasso a cargo do subdirector do Centro de Interpretación da Casa Picasso

. O acto, que rematará cun concerto de Pepe Piña, celebrarase mañá venres ás 20.00 horas
. Organizan Ponteceso Cultura Permanente e Concello de Ponteceso
. Entrada de balde

O Concello de Ponteceso e Ponteceso Cultura Permanente volven camiñar da man para achegarnos, nesta ocasión, á traxectoria vital e artística do pintor máis relevante do século XX: Pablo Picasso. Será durante a conferencia titulada ?A Coruña: la formación de un genio?, que ofrecerá no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (MACMO), en Corme, Francisco Muíños, subdirector da empresa xestora do Centro de Interpretación da Casa Picasso, na que nos desvelará unha das etapas máis descoñecidas do artista correspondente á súa estancia na cidade herculina, entre os anos 1891 e 1895, e durante a que adquiriu o groso da súa formación artística.

Despois da conferencia, á que asistirá a concelleira de Cultura Ana Pérez Imia, terá lugar un concerto protagonizado por Pepe Piña, compositor, fundador e integrante de grupos tan coñecidos como Semen Up, do que formou parte xunto a Alberto Comesaña. En Lugo tamén participou no rexurdir do grupo O Carro, engadindo cancións da súa propia colleita, mentres que en Vigo formou algunhas das bandas máis populares da cidade como Triceraptors e Haceros del Norte. Na Coruña tamén deixou o seu selo musical en Cosecha Roja, baseado en temas propios. Piña é tamén co-fundador de Clave de Fado, ademais de cantante, guitarrista e percusionista do grupo Taninos Maduros Jazz Band. Na actualidade atópase inmerso na promoción do seu novo disco ?Camiños de terra?, no que recolle temas comprometidos coas situacións que se van afrontando na vida e que demostran a súa madurez desde todos os puntos de vista. Non o perdades!

Agardámosvos ás 20:00 horas no MACMO de Corme. E se queredes achegarvos antes para visitar as exposicións que alberga no seu interior, lembrade que poderedes facelo a partir das 19:00 horas.

Desde a Área de Cultura convidamos a toda a veciñanza a asistir a este acto, totalmente de balde, e descubrir unha das etapas máis descoñecidas do ilustre pintor.

Concello de Ponteceso