. As autoridades sanitarias da Xunta manteñen a recomendación de evitar o consumo de auga da traída ata coñecer os resultados das análises de norovirus
. Toma nota dos consellos para previr o contaxio
. O Concello de Ponteceso continúa a repartir garrafas de auga
A Consellería de Sanidade mantén a recomendación de
evitar tanto a inxesta como a manipulación de alimentos con auga da traída municipal de Corme-Porto, logo do abrocho de gastroenterite rexistrado na zona. Sanidade informa da diminución dos casos de gastroenterite que se teñen rexistrado no transcurso destes días.
Os primeiros casos producíronse o domingo 22 de setembro. A Consellería de Sanidade logo de detectar un número elevado dos afectados declarou a alerta sanitaria de xeito inmediato, actuando coa máxima celeridade en poucas horas: declarou o brote e poñendo así en marcha o protocolo de alerta epidemiolóxica; constituíu o equipo de expertos que traballa desde o primeiro momento a fin de detectar a orixe do brote e propuxo as medidas a adoptar que preserven a saúde da poboación.
Dende o primeiro momento, a Consellería de Sanidade contactou con Concello de Ponteceso, que é o responsable do subministro de auga, comunicándolle cal éra o procedemento a seguir, facilitándolle contacto directo cos responsables e recomendándolle que mantivera informada á poboación, ademais de que adoptara as medidas necesarias para procurar que os veciños non inxeriran auga da traída municipal.
Os expertos do equipo de abrocho, no mesmo día da súa constitución detectaron que todos os casos enquisados tiveron exposición á auga da traída, ben bebéndoa, ben empregándoa para o lavado de froita ou verduras. Polos síntomas e o período de incubación
o abrocho é compatible cunha gastroenterite por norovirus.
De xeito inmediato indicouse unha recollida de mostras para a análise da auga, que se realizou en catro puntos o luns 23 (dúas en rede e dúas ás saídas dos depósitos), para determinar a presenza de norovirus. Os procedementos da dita analítica, necesitan dun período de barios días, polo que
non se terán resultados a lo menos ata o venres día 27.
As analíticas relevantes neste episodio teñen que responder á determinación de norovirus polo que outros parámetros analíticos non resultan determinantes para confirmar ou desmentir a causa do brote.
Polo tanto, ata a obtención dos resultados analíticos de norovirus, a Consellería de Sanidade mantén a recomendación de evitar a inxesta e manipulación de alimentos coa auga da traída municipal de Corme-Porto.
Prevención do contaxioIndicar tamén que, aínda que a causa orixinaria probable sexa a inxesta da auga, poden aparecer novos casos illados por contaxio entre as persoas. Para axudar a previr a propagación de norovirus entre as persoas, Sanidade recomenda lavar ben as mans, especialmente despois de ir ao baño ou cambiar cueiros; evitar os alimentos e a auga contaminados, entre eles, os alimentos que preparou alguén que está enfermo; e lavar as froitas e os vexetais antes de comelos, con auga non contaminada.
Tamén inciden na necesidade de desbotar o vómito e a materia fecal con cuidado,para evitar a propagación aérea do norovirus e absorber o material con toallas desbotables, con axitación mínima, e colocándoas en bolsas desbotables de plástico.
Ademais recomenda desinfectar as zonas contaminadas co virus con lixivia e usar luvas.
No caso de ter síntomas, recoméndase permanecer na casa, sen ir traballar, especialmente se o traballo implica manipulación de alimentos. Cómpre lembrar que se pode contaxiar ata días despois de desaparecer os síntomas. Os nenos afectados non deben asistir á escola ou á gardería. Tamén debe evitarse viaxar ata que os síntomas desaparezan.