Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso dá a benvida ao 2020 inmerso na execución de obras por importe de 1.689.710 ?

A mellora das instalacións deportivas, o acondicionamento da rede viaria e as obras de renovación da rede de auga en Corme xa están en marcha

Miguel Ángel González, Lois García Carbalido e Raquel Fondo, na pista do Petón aos SeixosO goberno municipal de Ponteceso dá a benvida ao 2020 inmerso na acometida de varios proxectos cos que pretende seguir transformando o noso municipio para dotalo de mellores infraestruturas e novos servizos cos que incrementar a calidade de vida da veciñanza. Nestes momentos, a Concellería de Obras que dirixe Miguel Ángel González ten en marcha un paquete de actuacións en fase de execución e/ou adxudicación, por valor de 1.689.710 ?, que van desde a reforma do campo de fútbol de O Pinguel, e diversas melloras no do Cairo (Corme), ata a mellora da rede viaria en varias parroquias do Concello que vos detallamos a continuación.

- Infraestruturas deportivas. 684.988 ?
. Campo de fútbol O Pinguel. Sen dúbida, unha das prioritarias agora mesmo é o remate da mellora do campo de fútbol do Pinguel, ao que lle queda menos para lucir o novo céspede artificial, rematado xa nun 75%. Ata o de agora procedeuse ao levantamento do campo nuns 50 centímetros, cos correspondentes recheos para estabilizar o firme, e á realización dunha drenaxe en todo o perímetro. A actuación completarase coa colocación do céspede artificial, as varandas, o perímetro e redes. A empresa encargada de acometer a obra, por importe de 496.860 ?, é a lucense Calfensa Proyectos.
. Campo do Cairo (Corme). O Campo do Cairo de Corme tamén está a ser obxecto dalgunhas reformas, executadas xa nun 90%, das que se beneficiarán tanto xogadores/as como afeccionados/as. Entre as actuacións levadas a cabo destacan a instalación de novas torres de iluminación, entre outras melloras eléctricas. A colocación de mamparas na zona do público e a realización das correspondentes probas de luz son as únicas actuacións que faltan por executar para completar o proxecto de reforma desta instalación deportiva, que ascende a 188.128 ?.

- Melloras na rede viaria. 882.471 ?
. Realización de sobreancho desde o lugar de O Petón ata Os Seixos por importe de 264.644 ?. A obra, adxudicada provisionalmente a Construcciones López Cao, dará comezo tras a sinatura do contrato coa empresa. Na imaxe, o alcalde, Lois García Carballido; o concelleiro de Obras, Miguel Ángel González, e a concelleira de Deportes e Turismo, Raquel Fondo, inspeccionando a zona antes do inicio das obras.
. Melloras viarias por importe de 221.366 ? en Pazos (O Xardín), Nemeño (cemiterio vello) e Corme (A Mariña- busto de Mourelle- Praza do Pan).
. Tras varias modificacións efectuadas por Patrimonio, que veñen de ser aprobadas polo pleno da Deputación da Coruña, vaise iniciar o expediente de contratación para o acondicionamento de varias vías en Corme Aldea, concretamente nos lugares de A Costa e da Escobia a San Adrián. Ademais, instalarase un novo firme na rúa do Sol, en Corme Porto. A totalidade dos traballos ascenderá a 189.012 ?.
. O departamento que dirixe Miguel Ángel González tamén ten proxectados varios asfaltados, por importe de 144.438 ?, nas localidades de Sergude de Arriba e de Abaixo (Xornes), no núcleo de Bardaio e de Bardaio a Riotorto. Dita actuación xa foi aprobada polo pleno da Deputación e en breve iniciarase o expediente de contratación.
. A mellora de camiños na Agra de Anllóns e o asfaltado de Lestimoño a Cerezo, realizado con cargo ao Plan Agader, xa se atopa executado nun 80%. Actualmente só resta perfilar cunetas e botar regos asfálticos en Anllóns así como o pintado viario en Lestimoño. O importe de dita actuación é de 63.011.

- Infraestruturas hidráulicas: 122.251?
. O Concello de Ponteceso vén de adxudicar á empresa Construcións Mecano as obras de substitución da canalización de distribución xeral de auga potable a Corme, que empezarán tan pronto como se asine o contrato. A actuación suporá un investimento de 122.251 ? e permitirá cambiar as tubaxes de fibrocemento, que xa esgotaron a súa vida útil e o seu estado favorece as continuas roturas.
As tubaxes de fibrocemento serán substituídas por unha nova rede de maior sección e mellores características sanitarias, e ademais modificarase o trazado para levala polo dominio público da rede viaria. A nova rede terá unha lonxitude de 400,54 metros. Tamén se instalarán as pezas especiais precisas para garantir o correcto funcionamento da rede. Así mesmo, está prevista a instalación dunha nova canalización paralela que permita o baleirado do depósito e outro ramal para evacuar a auga procedente do lavado de filtros da ETAP.
Por outra banda, a substitución do treito que afecta á gabia da marxe dereita da estrada AC-424 aproveitarase para crear unha senda peonil paralela. No resto de vías afectadas polas obras contémplase a reposición do pavimento.

Concello de Ponteceso