Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso entregou á Asociación Española Contra o Cancro un cheque por valor de 2.493,24 € coa recadación obtida no partido inaugural do novo campo do Pinguel

A concelleira de Deporte, Raquel Fondo, e o concelleiro de Asociacionismo, Salvador Eiroa, foron os encargados de dar o talón ás responsables da Xunta Local AECC de Cabana de Bergantiños

O Concello de Ponteceso vén de facer entrega dun cheque por valor de 2.493,24 € á Asociación Española Contra o Cancro. Dito importe corresponde á recadación obtida da venda de entradas do partido benéfico disputado o pasado 8 de febreiro con motivo da inauguración do novo céspede do Pinguel e que enfrontou ás “vellas glorias” do Puenteceso SD e aos Veteranos do Real Club Deportivo da Coruña.

A concelleira de Deporte e Turismo, Raquel Fondo, e o concelleiro de Asociacionismo, Normalización Lingüística e Medio Rural, Salvador Eiroa, foron os encargados de entregar o talón ás responsables da Xunta Local da AECC de Cabana de Bergantiños.
Durante o acto, tanto Julia Blanco Fondo como Marina Beizana Rioboo, presidenta e secretaria da entidade, respectivamente, quixeron felicitar ao Concello de Ponteceso pola excelente organización do evento ao tempo que agradeceron o seu compromiso e implicación na posta en marcha desta singular iniciativa.

Pola súa banda, Raquel Fondo tamén destacou a boa acollida que tivo entre o público este encontro benéfico, cargado de simbolismo e solidariedade, con máis de 600 entradas e preto de 1.000 rifas vendidas, no que todos os /as asistentes aportaron o seu gran de area para sumar forzas, ilusións e moita esperanza na loita contra esta enfermidade. Neste senso, quixo agradecer especialmente a colaboración de xogadores, árbitros, artistas convidados e provedores locais que participaron de forma altruísta e totalmente de balde nunha xornada na que o deporte cedeu todo o protagonismo a unha sociedade que, de novo, volveu a meterlle un gol ao cancro.

Concello de Ponteceso