Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso pon en valor neste 8 de Marzo ás mulleres que se dedican ás artes

-Os actos arredor do Día Internacional da Muller, que comezarán ás 12.30 horas no Couto, estarán protagonizados por artistas da comarca de Bergantiños
-O Concello de Ponteceso, a Casa da Muller, a Fundación Eduardo Pondal e a Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega” convidan á veciñanza a participar neste evento de acceso libre e de balde

Con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo, o Concello de Ponteceso desenvolverá xunto coa Casa da Muller, a Fundación Eduardo Pondal e a Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega” un amplo programa de actividades que pretende, ademais de promover o empoderamento da muller rural, render, nesta ocasión, unha merecida homenaxe á muller artista cunha lembranza especial a Asunción Antelo (1919-2016), a “Rexoubeira de Bergantiños”, unha artista polifacética e autodidacta, que dedicou a súa vida á escritura e á escultura converténdose nunha precursora e nunha muller adiantada ao seu tempo.

Os actos arrincarán ás 12.30 horas no Couto cun recitado e voz do poema “Muller” de Fuxan os Ventos a cargo de Uxía Varela e Alba Costa. De seguido, o grupo de teatro da Casa da Muller viaxará a través do tempo para traer a escena “Mulleres na historia”, un repaso por a algúns dos nomes femininos que marcaron época coa finalidade de reivindicar e poñer en valor o papel da muller na historia de Galicia.

A regueifeira Lupe Blanco, tamén artista e tamén de Coristanco como Asunción Antelo, será a encargada de presentar á “Rexubeira de Bergantiños”, para achegarnos un pouco máis á figura e á obra dun dos referentes culturais de Bergantiños.

Pola súa banda, a cantante Silvia Losada interpretará unha canción dedicada a ela, mentres que Carmen Eiroa e Matilde Vilariño recitarán poemas da súa autoría. Os “Rexoubeos” de Lupe e Teresa dos Cucos pecharán unha xornada que se presenta, ademais de reivindicativa, moi emotiva.

Ao remate, os e as asistentes ao evento poderán degustar uns petiscos de carne ao caldeiro, xentileza de Indicación Xeográfica Protexida “Ternera Gallega”, e serán agasallados/as, a modo de recordo, cun lote de libros de Asunción Antelo e “Camelias”, da Casa de Pondal.

Desde a organización convídase a toda a veciñanza a participar nos actos conmemorativos deste domingo 8 e a comprometerse, ese e todos os días do ano, a loitar pola igualdade. Apúntaste? A entrada será libre e de balde ata completar o aforo. Vémonos no Couto!

Concello de Ponteceso